Artistas internacionais daranse cita no Café Latino e a praza de Santa Eufemia do 21 de abril ao 28 de maio.

Chega o XIX Festival de Jazz de Primavera, organizado polo Café Latino, o Concello de Ourense e a Fundación Florencio Álvarez. O emblemático Café Latino da capital será o principal escenario dos concertos, a maioría deles ás 23 horas.

A primeira des citas co jazz será o martes 21 de abril, cando chegue a Ourense o guitarrista e pianista Stanley Jordan. Ao día seguinte será o turno de Chano Domínguez ao piano e Niño Josele á guitarra.

O martes 28 actuará Xan Campos Trío, con Xan no piano, Horacio García no contrabaixo e Iago Fernández na batería.

O 5 de maio será o turno de The Lazy Chickens (composto por Dani Alonso, Juli Aymí, Artur Regada e Dave Mitchell). E o 6, os protagonistas serán o pianista Jean Michel Pillc, o contrabaixista François Moutin e o batería Ari Hoenig.

O 13 de maio chega o incomparable swin de David Regueiro, acompañado de Javier Marcos, Antonio Otero, Javier “Gdjazz” Pereiro, Iago Reigosa e Juyma Estévez.

O 18, é o turno do saxofonista Jesse Davis que compón cuarteto xunto a Joan Monne, Iganasi González e Jo Krause. E o 26 de maio actuará o trío de Eric Redd, no que este pianista americano está acompañado do contrabaixo de Vicen Florio e a batería de Adam Pache .

Tamén a praza de Santa Eufemia será un dos espazos deste festival. O venres 1 de maio, ás 22 horas, acollerá a actuación de Ale Rábade Trío e a Real Filharmónica de Galicia. O sábado 2, ás 11 da noite, a de Carles Benavent Trío, con Carles ao baixo eléctrico, Roger Mas encargándose do piano e teclados, e Roger Blavia, da batería e percusión. Tamén nos deleitará ese día Antonio Serrano coa súa harmónica e Raynald Colom coa súa trompeta.

Para pechar o festival, o 28 de maio, ás 22 horas, deleitaranos Lucky Peterson coa súa guitarra, voz e órgano; xunto a Timothy Waites ao baixo, Shawn Kellerman á guitarra, Raúl Valdés á batería e Xavier Jackson aos teclados.

Para escolares
Como complemento a esta gran programación, o Festival de Jazz de Primavera organiza concertos didácticos para escolares os días 5 e 6 de maio, ás 10 e 12 horas no Auditorio Municipal, da man de The Lazy Chickens.