Candidatos do BNG en Celanova e Baixa Limia

O portavoz nacional, Xavier Vence, estivo presente na presentación das candidaturas BNG-Asembleas Abertas nos concellos de Celanova, Bande, Cartelle, Ramirás, A Merca, A Bola, Verea, Gomesende, Entrimo, Muíños e Lobeira.

 

Sumar esforzos e coordinar propostas entre concellos para facilitar a recuperación económica e social da comarca de Celanova-Baixa Limia, lastrada pola falta de emprego que está a provocar unha sangría migratoria, sobre todo de xente nova, en municipios cun alto nivel de envellecemento da poboación é o obxectivo co que se presenta o BNG nas eleccións municipais de maio nestas comarcas.

“Desde o BNG-Asembleas Abertas apostamos polo traballo en común entre os concellos para favorecer o desenvolvemento económico desta parte da provincia, que debe ter no sector da agricultura e na posta en valor do seu patrimonio as dúas principais pancas para a creación de riqueza e de emprego”, salientou o portavoz nacional, Xavier Vence, durante a presentación dos cabezas de lista para os concellos de Celanova (Leopoldo Rodríguez), Bande (José Antonio González), Cartelle (Luís Vázquez), Ramirás (Marcos Meléndez), A Merca (Xurxo Nóvoa), A Bola (Carmen Álvarez), Verea (José Antonio Pérez), Gomesende (Eloy Vázquez), Entrimo (Fernando Estévez), Muíños (Ramón León) e Lobeira (Antón Álvarez).

Os propios candidatos e candidatas explicaron algunhas das propostas do BNG-Asembleas Abertas para poder dinamizar as comarcas de Celanova e Baixa Limia. Entre elas, poñer en marcha a rede de transporte intercomarcal, con especial atención aos núcleos de poboación máis alonxados dos centros dos concellos, para evitar o seu progresivo abandono ante a falta dunha comunicación eficaz. En materia de transporte tamén propón mellorar as infraestruturas viarias, en particular a autovía de enlace con Portugal.

Igualmente, a formación nacionalista propón para Celanova e Baixa Limia a mellora dos servizos sociais municipais como centros de día e escolas infantís.

Outra das medidas para “sumar” e xerar unha sinerxía favorable a todos os concellos desta área, pasa pola coordinación dos mercados que se celebran na comarca, -por exemplo os xoves en Celanova e domingos en Entrimo, Lobios e Ramirás-, con especial atención aos produtos locais.

Potenciar o entorno medio ambiental é outra das medidas para os municipios da comarca como elemento de calidade de vida, e tamén como atracción para incentivar o turismo. Neste sentido, entre as medidas concretas, potenciar o Parque Natural do Xurés e a súa reserva da biosfera e promover a mellora medioambiental da zona mediante a limpeza de ríos e regatos. Ademais da necesidade de eliminar puntos de vertidos da rede de sumidoiros municipais.