O recinto acolleu o ano pasado dez feiras e unha vintena de eventos que atraeron a máis de 128.000 visitantes e a 855 expositores de 30 países.

 

Termatalia Arxentina, Xantar e Funergal. A celebración destas tres feiras internacionais, marcou a actividade de Expourense durante o 2014, posicionando ó recinto feiral ourensán entre os principais organizadores de eventos internacionais en España.

Sobre estes puntos xirou a presentación da Memoria de Actividades 2014 de Expourense. E é que Xantar é o único salón internacional de España especializado en turismo gastronómico; Funergal foi a única cita internacional da Península en 2014 e Termatalia, celebrada na Arxentina, é a única cita convertida en ponte termal entre Europa e América Latina sendo ademais unha feira de referencia mundial do turismo de saúde. Ademais da Internacionalización, os outros eixos sobre os que se baseou a actividade de Expourense no 2014 foron a Calidade, Innovación, Emprendemento e Formación.

O principal fito da actividade de Expourense en 2014 no relativo á internacionalización foi a celebración de Termatalia en Termas de Río Hondo, A Arxentina, entre o 1 e o 4 de outubro. Foi a segunda edición celebrada en América Latina logo de Termatalia Perú 2012, un evento que converteu a Expourense na primeira institución feiral española que organizaba un evento propio no estranxeiro, que tivo continuidade o ano pasado na Arxentina e que seguirá en 2016 coa celebración desta feira en México. Destaca tamén da actividade de 2014 a recuperación como feira de organización propia, en colaboración coa Asociación de Concesionarios de Automóbiles de Ourense (A.C.A.U.T.O.), do Salón do Automóbil que celebrou a súa sexta edición dividida en dúas citas, Vehículo Novo e de Ocasión. A boa acollida por parte dos empresarios e do público, levou a inclusión deste salón no calendario de citas anuais de Expourense.

Resumo da actividade no 2014
O resumo de actividades organizadas pola Fundación de Feiras e Exposicións de Ourense, Expourense, durante o 2014 sinala que o recinto organizou o pasado ano un total de 10 feiras, boa parte delas de marcado carácter profesional e orientadas ó negocio. Coa celebración de tres feiras internacionais de organización propia, Expourense sitúase á cabeza dos recintos feirais de Galicia. Todos os certames contaron coa presenza de 855 expositores, unha cifra que indica o grao de fidelización e confianza das empresas e institucións polos proxectos levados a cabo por Expourense. A decena de feiras e a vintena de eventos do calendario da Fundación atraeron a 128.885 visitas, a 855 expositores e a 350 relatores procedentes todos eles dun total de 30 países.

Certames para profesionais e particulares
Expourense celebrou en 2014 unha cita exclusivamente profesional, Funergal, a Feira Internacional de Produtos e Servizos Funerarios.

Ademais de Termatalia Arxentina, tiveron lugar tres feiras de carácter mixto: Xantar, Previsel (Salón da Prevención e Seguridade Laboral) e Galisenior (Salón das Persoas Maiores). E tamén organizaou citas orientadas ó público xeral de carácter comercial que convocaron a diferentes sectores, como foron a 21ª edición da Mostra da Oportunidade; a 6ª do Salón do Automóbil, a 15ª de Celebra, Salón de Vodas, Bautizos, Comuñóns e Actos Sociais; e a 15ª edición de Megaxove, Salón da Xuventude.

O apoio aos novos emprendedores, á formación de profesionais e aos colectivos máis desfavorecidos tamén marcaron a actividade do recinto feiral no 2014.