Proxecto Enredando, artesanía na escola

O alumnado, que xa participou no coidado e evolución dos vermes da seda, coñece da man de artesáns expertos a extracción desta para a confección do fío.

 

Os CEIP Virxe da Pena da Sela do Irixo e de Beariz acolleron o proxecto Enredando, artesanía na escola, que pon en marcha a Consellería de Economía e Industria a través da Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño e que durante este trimestre permitirá a alumnos de 16 colexios de toda Galicia aprender a obter seda. O obxectivo desta iniciativa é achegar aos máis novos os oficios artesanais, contribuíndo así á promoción e posta en valor do sector artesán galego, unha das liñas de acción do novo Plan de Artesanía de Galicia.

Coa segunda parte da unidade didáctica «O gremio da seda», que en Ourense tamén pasará no vindeiro mes de maio polos centros CEIP Euloxio Gómez Franqueira de San Amaro e o CEIP Terras de Maside en Maside, o alumnado que xa participara anteriormente no proceso de coidado e a evolución dos vermes da seda, coñece da man de artesáns expertos a extracción desta para a confección do fío de seda.

«Enredando, artesanía na escola» conta tamén cunha unidade didáctica centrada na elaboración e encadernado de papel, Do papel ao libro, para alumnado de 3º ciclo de primaria e 1º ciclo de secundaria, cuxa posta en marcha tamén se retomará en próximas datas.