Será os días 24 e 25 de abril ás 20:30 horas na Casa da Cultura.

O venres 24 e o sábado 25 de abril, na Casa da Cultura de Verín, ás 20:30 horas, proxectarase o filme “Los Fenómenos», na programación de primavera de Cinemas de Galicia.

Luis Tosar, Lola Dueñas e Miguel de Lira son os protagonistas dunha película que obtivo o pasado ano premios en 13 festivais (Premio do Xurado no Festival Europeo de Bruxelas (BIFF), premios ao Mellor Guión, Mellor Fotografía e Mellor Música no Festival Iberoamericano do Ceará-Brasil, diversos galardóns en certames cinematográficos dos EE.UU., Canada, Francia, Reino Unido, Holanda, India e Cuba.

O pasado día 11 de abril, na XIII edición dos Premios Mestre Mateo, o filme de Alfonso Zarauza acadou os premios a Mellor Longametraxe, Mellor Guión, Mellor Dirección e Mellor Interpretación Feminina de Reparto.

Os fenómenos é o drama social dunha “cuadrilla” de obreiros aos que alcuman así pola súa capacidade para levantar metros cadrados construídos.

Dirixida por Alfonso Zarauza, a película utiliza na versión orixinal, que será a que se exhiba en Verín, os idiomas castelán e galego; e está catalogada como un “filme a prol da igualdade de xénero”.