Amigos da Terra organiza este 22 de abril unha ruta interpretativa pola cidade de Ourense, co fin de concienciar dos danos que se lle causamos ao planeta cos nosos hábitos diarios.

 

O día 22 de abril celébrase o Día da Terra, co que se pretende homenaxear ao planeta no que vivimos e lembrar á poboación a necesidade de protexelo. O paso do tempo amosounos que hai unha gran interdependencia entre os ecosistemas e os seres vivos que o habitan, así cada vez máis se xustifican os esforzos na preservación do noso planeta, tan afectado por problemas como a perda de biodiversidade, polo cambio climático, pola contaminación ambiental ou pola sobre-poboación.

Con motivo da celebración do Día da Terra, os voluntarios europeas que colaboran con Amigos da Terra inician un novo proxecto de sensibilización para a conservación do medio ambiente, chamado «A ruta do Consumismo». Nunha sociedade na que cada vez máis se observa un consumo desmedido de bens e servizos, dende Amigos da Terra queren alertar á cidadanía dos impactos, tanto ambientais como sociais, que as nosas accións están xerando no medio.

Así invítannos a realizar unha ruta interpretativa pola cidade, explicando os problemas asociados a catro tipos principais de consumo: alimentos, roupa, cosméticos e equipos electrónicos. Con esta actividade preténdese concienciar aos participantes para a realización dun consumo máis xusto e responsable, contribuíndo á preservación dos recursos naturais e ao desenvolvemento dunha sociedade máis xusta e respetuosa co medio ambiente.

Esta acción comeza ás 9:30 horas con alumnos de bachillerato do IES Ramón Otero Pedraio e será repetida os proximos meses con grupos distintos de poboación.