O prazo de presentación de traballos permanecerá aberto ata o 15 de setembro. Repartiranse 2.200 euros en premios.

 

Ata o vindeiro 15 de setembro está aberto o prazo para todas as persoas que desexen participar no séptimo Concurso de fotografía de lactancia materna, que organiza a Concellería de Saúde. O tema será a lactancia materna en todos os seus ámbitos, atendendo ao obxectivo de normalizar a cultura da lactancia materna valorándose especialmente as imaxes que traten da lactancia en espazos exteriores e públicos.
A Concellería de Saúde do Concello de Ourense convoca este concurso cumprindo cos obxectivos de saúde previstos polas organizacións internacionais vixentes (OMS, UNICEF), “Estratexia mundial para a alimentación do lectante e das crianzas”, “Plan de acción europeo para a protección, promoción e apoio á lactancia materna en Europa”, e co fin de normalizar a cultura da lactancia materna a través da visibilización da muller en actitude de aleitar.

Obras e premios
Cada concursante poderá presentar un máximo de dúas fotografías, en papel fotográfico sen ningún tipo de montaxe nun formato de 20×30 cm.
Recibirán premio en metálico as mellores fotografías. O primeiro premio está dotado con 1.000 euros, o segundo con 500 e entregaranse, ademais, dez accésits de 70 euros cada un.