As dúas organizacións políticas apoian a proposta de debate electoral do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, mentres que Democracia Ourensana rexeita a proposta de facer un debate a sete.

O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) vén de presentar aos distintos partidos e candidaturas que se presentan ás eleccións municipais de maio uns criterios básicos para a organización de debates entre os candidatos que optan a gobernar as principais cidades galegas, entre elas Ourense.

O CPXG ofrécese a todas as formacións políticas para colaborar na organización destes debates, nos que o criterio básico que debe primar “é o do interese cidadá e, polo tanto, as candidaturas que deben participar son aquelas que teñan interese informativo para a maioría dos electores”. Os temas a debate serán os que atinxan á veciñanza de cada localidade.

O CPXG propón ademais que os participantes nos debates e o moderador dos mesmos sexan obxecto de acordo, que se celebren antes da campaña para evitar posibles reclamacións ante as Xuntas Electorais, e que teñan lugar nun sitio aberto e público, e abertos á retransmisión, parcial ou por completa, por calquera medio que o solicite.

Apoio de Ourense en Común e Anova
Nas últimas horas dúas organizacións políticas que concurren ás municipais de Ourense apoiaron esta proposta de debates do Colexio de Xornalistas. Dunha banda, Ourense en Común, que asume que “só con información de calidade e transparente, poderase exercer unha democracia plena”. Como xa dixera o seu candidato á alcaldía de Ourense , o líder veciñal Miguel Doval, “apoiarase calquera medida que permita mellorar a participación en política dunha cidadanía ben informada».

Dende Ourense en Común entenden que os debates deben ter un “espírito constructivo, ateigado de propostas e exemplos cotiás de interese para a veciñanza do municipio de Ourense” e non “acusacións e reproches aos que acostuman os partidos xa instalados nas cúpulas de poder”.

Doutra banda, Anova manifesta a sú avontade de participar en todos aqueles debates públicos “coa única condición de que sexan transparentes e obxectivos” . Argumentando que a cidadanía “debe ser quen de informarse sobre as diferentes opcións do espectro político e elixir a que máis se adapte ao seu xeito de entender o futuro da nosa cidade, ANova ponese a disposición do CPXG para participar, contribuír e axudar a levar a cabo estes espazos de diálogo, alternativas e reflexión e insta ao resto de forzas a facer o mesmo “e non escudarse en vellos tacticismos que tan só tentan manter ou cada vez máis pútrido e fracasado sistema bipartidista”.

Rexeitamento de Democracia Ourensana

Pola súa parte, Democracia Ourensana afirma que participar en calquera debate electoral «donde el criterio de elección no sea discrecional, es decir, o haremos debates con los representantes actuales en el Concello, o bien con las 11 candidaturas de 2015». Por este motivo, rexeitan a proposta do Colexio de Xornalistas de facer un debate a sete por considerar que é unha elección «arbitraria».

Democracia Ourensana cre que os debates deberían ser o máis operativos posibles, sendo catro o número máximo de participantes. «En caso de superar este número, más que un debate sería una ‘rueda de reconocimiento’, o una especie de ‘terapia de grupo’, donde se oyese poco más de ‘hola, me llamo Gonzalo, tengo 45 años, y me presento a las elecciones municipales'».