Almudena Valiñas expuxo no seu Facebook que consideraba unha “falta de respecto” aos veciños a presentación desta candidatura.

 

A edil do BNG no Concello de Avión, Almudena Valiñas Conchouso, vén de presentar a súa renuncia e a súa baixa do partido tras coñecer a lista “de protesta” presentada neste municipio polo BNG e encabezada polo voceiro nacional Xavier Vence.

Valiñas expón no seu Facebook que lle parece unha “falta de respecto” aos veciños a presentación desta candidatura, formada por líderes da formación nacionalista, como o propio Vence, Olaia Fernández Davila ou Francisco Jorquera, pois non fora consensuada co Consello Comarcal do Ribeiro nin cos militantes de Avión.

Almudena Valiñas nega que o PP exercera sobre ela “extorsión” desde que exerce como concelleira (2009), e atribúe a falta de candidatos en Avión á “apatía política” que existe neste concello.

Agradecemento do seu traballo
Ante este anuncio, o BNG agradece o traballo de Valiñas Conchouso e recoñece publicamente o seu labor en defensa dos intereses dos veciños, “nun contexto político no que o PP exerce un control case absoluto na provincia”.

Con respecto á decisión da edil de renunciar á súa militancia, desde o Bloque non consideran “casual” que esa decisión “se anuncie inmediatamente despois de que o presidente do PP de Ourense, Xosé Luís Baltar (sic), arremetese contra a candidatura simbólica presentada polo BNG en Avión”, e coa que o Bloque quixo denunciar a “asfixia democrática” que o PP exerce na provincia de Ourense.

Unha “ocurrencia”, para o PP

O presidente provincial do PP de Ourense e candidato á presidencia da Deputación, Manuel Baltar, aproveitou a renuncia de Valiñas para afondar nas súas críticas ao BNG. Baltar tachou de “ocurrencia” o feito de “enviar como paracaidista (á lista de Avión) ao que queda do que un día foi a forza nacionalista de referencia en Galicia” e considerouno non só un “desprezo” aos veciños de Avión, senón tamén á militancia do BNG neste municipio, facéndose eco do comunicado da xa ex concelleira do Bloque en Facebook.