O galardón recoñece o labor desinteresado de persoas ou colectivos que destaquen polo seu compromiso coa cultura galega.

 

A Coral da Ruada rganiza e patrocina o Premio Xabier Prado “Lameiro”, de periodicidade anual, coa colaboración da Deputación Provincial de Ourense e do Teatro Principal.

Con este premio preténdese premiar, de xeito simbólico, “o labor desinteresado daquelas persoas ou colectivos que destaquen polo seu compromiso coa cultura de Galicia de expresión en idioma galego e de carácter popular, fundamentalmente no eido do folclore e, máis concretamente, na música popular e polifónica galegas”. O ano pasado recibiu este galardón o grupo coruñés Xacarandaina, e en edicións anteriores a Escola de Música Tradicional “Gomes Mouro”, ou a Escola de Danza Castro Floxo.

O premio ten carácter de recoñecemento público e non leva engadido ningún beneficio económico; materialízase nunha peza artística elaborada por un creador galego que será entregada á persoa ou colectivo premiado.

Calquera persoa, entidade ou colectivo poderá facer chegar á Coral de Ruada (mediante correo electrónico  a info@coralderuada.com ou correo ordinario a Rúa da Paz, 9; 32005 Ourense), propostas de candidaturas para cada edición do premio, xuntando, con cada unha, memoria na que se detallen os méritos da persoa ou colectivo que se propoñen. O prazo para a recepción de solicitudes abrangue até o 27 de xuño de 2015.

O acto de entrega do premio farase preferentemente arredor do 5 de outubro, data doaniversario da reunión fundacional do CORO DE RUADA que tivo lugar na “Villa Joaquina” da avenida de Zamora, na capital ourensá- e como homenaxe aos seus fundadores na figura de Xabier Prado “Lameiro”.