Sindicalistas de CCOO e UXT

Os dous sindicatos realizarán unha manifestación conxunta ás 12 horas, con saída do pavillón dos Remedios.

UXT e CCOO volven ir da man na manifestación do 1 de maio. Baixo o lema, “Así non saímos da crise”, os dous sindicatos estatais recordan as loitas aínda pendentes para o movemento sindical: cinco millóns de parados, emprego novo de baixa calidade, salarios que perden poder adquisitivo, o incremento da pobreza e da desigualdade, e a vulneración deliberdades e o dereito de folga.

Previamente conmemorarán o Día Internacional da Seguridade e a Saúde no Traballo, que se celebra anualmente o 28 de abril, cunha concentración ás 11:30 diante da Casa de Chocolate.

Situación de Ourense
En particular para Ourense, a secretaria xeral de CCOO na nosa provincia, Ana Barrios, consideraba que os últimos datos da EPA coñecidos son “demoledores” e “terroríficos”, e debuxan n panorama “de emerxencia social” na provincia. A sindicalista considera “unha tomadura de pelo que o PP siga a dicir que a crise rematou e estamos remontando”.

A EPA do primeiro trimestre de 2015 indica que Ourense ten unha pobación activa de 136.600 persoas (no último trimestre de 2014 eran 135.200), das cales 104.600 están ocupadas e 32.000 paradas (no cuarto trimestre do ano pasado 107.400 ourensáns traballaban e 27.800 estaban desempregados), datos que reflexan unha baixada da taxa de ocupación e a suba da taxa de paro. As cifras de desemprego son peores que as da comunidade galega (23,4 % fronte a 21,8%) e lixeiramente mellores que as do conxunto de España (un 23,8% de paro).

Barrios estivo acompañada na rolda de prensa de presentación destes actos polo secretario xeral de UXT en Ourense, José Luis Rodríguez Celis, e polos secretarios de organización de UXT Mario Franco, e CCOO, Lola Panero.

Valoración da CIG

Similar valoración dos últimos dato da Enquisa de Poboación Activa realizaban desde a CIG. Un “panorama desolador” para o seu secretario en Ourense, Etelvino Blanco, que subliña que Ourense foi a provincia galega onde máis subiu o paro, e que a taxa de actividade se sitúa no 48,8 %, ”4,7 puntos por debaixo que a galega, que é a segunda máis baixa de todo o Estado, despois de Asturias”. Os resultados demostran, a xuízo do sindicalista, “unha situación de gravidade extrema nesta provincia e dos seus cidadáns”.

A CIG presentará os seus actos reivindicativos do 1 de maio o vindeiro luns 27.