O candidato do PP á alcaldía de Verín presentou as liñas principais do seu programa electoral, así como as persoas que conforman a lista popular no municipio.

 

O salón de actos da Casa da Cultura de Verín acolleu este 23 de abril a presentación oficial dos integrantes da candidatura do Partido Popular de Verín aos vindeiros comicios electorais do 24 de maio.

A presentación, presidida polo secretario xeral do PPdeG Alfonso Rueda, congregou a decenas de persoas neste espazo, no que Juan Manuel Jiménez Morán, candidato á reelección da alcaldía verinense presentou as liñas principais nas que se asenta o seu programa electoral, así como aos homes e mulleres que conforman a candidatura do Partido Popular de Verín.
Emocionado, Jiménez Morán destacou que “se trata de persoas loitadoras, que creen en Verín e que traballarán, como fixemos ata o de agora, para incrementar a calidade de vida de todos os veciños do municipio”.

Tras presentar aos membros de toda a candidatura, o candidato á alcaldía verinense desgranou os puntos chave do programa do Partido Popular para estes próximos catro anos, “un programa electoral que nace de abaixo a arriba, atendendo as demandas dos nosos cidadáns e cidadanas”, indicou, “que se asenta no fomento do emprego, creación de máis e mellores servizos, indice nas políticas sociais, respecto polo ambiente, e promoción do deporte, educación e cultura”.

Devandito programa artículase en torno as seguintes grandes liñas: creación de emprego, promoción económica e turística, servizos sociais, mocidade, deporte, sanidade, seguridade cidadá e cultura.

Entre algunhas das medidas propostas atópase a creación de axudas a fondo perdido para novos emprendedores, axudas para a adquisición de parcelas industriais, creación dun programa de prácticas empresariais para mozos, e impulsar o establecemento de empresas innovadoras e proxectos de economía social, entre outras.

Medidas sociais

Por outra banda, Juan Manuel Jiménez tamén insistiu na importancia das políticas sociais levadas ata o momento,e recordou que se seguirá a traballar nesta liña a través do desenvolvemento de accións como a construción dun Centro de Día (anexo ao hospital); unha Escola Infatil con 75 prazas; vivendas tuteladas comunitaria para persoas maiores, vítimas de violencia de xénero, menores e transeúntes; un comedor social; e seguir desenvolvendo programas de conciliación laboral e familiar, así como de igualdade.

Durante a intervención, o candidato do Partido Popular non esqueceu o apartado da sanidade, recordando que solicitará a apertura da segunda planta do Hospital e incorporación de novos sanitarios, o de seguridade pública anunciando unha nova ampliación de plazas para a Policía Local e finalizar as xestións para a instalación do Centro Policial Aduaneiro en Feces de Abaixo; e o da cultura coa inauguración nos vindeiros meses do Centro das Artes de Verín.