Susana García

Entre as 500 propostas do seu programa electoral, a remunicipalización de servizos, un plan municipal de vivenda, a reforma da política fiscal e un plan de mobilidade sustentable.

 

O BNG-Asembleas Abertas é outro máis dos partidos políticos que promete a realización dunha auditoría do Concello de Ourense nos primeiros seis meses de goberno se alcanzan a alcaldía. Na presentación do seu programa electoral, a candidata Susana García apuntou que “hai moitos servizos que non están funcionando ben”, e por iso considera a auditoría –que pode ser interna- un paso preciso tanto para “darlle unha volta ao funcionamento interno do Concello” como para coñecer o estado das contratas, e así proceder a unha futura remunicipalización de servizos, outra das promesas electorais dos nacionalistas. Unha auditoría que tamén se aplicarán a si mesmos anualmente de chegar a gobernar.

García, que debullou os grandes trazos dun programa con máis de 500 medidas estruturadas en nove bloques, declarou que este programa “é o noso contrato coa cidadanía e, en especial, coas persoas que depositan en nós a súa confianza”.

A candidata nacionalista recoñecía que todos as liñas do programa eran importantes mais as medidas relacionadas co desemprego e a potenciación dos servizos sociais serán para o BNG-Asembleas Abertas prioritarias «para protexer ás persoas en risco de exclusión social, afectadas polos desafiuzamentos, atención á dependencia, migrantes e comunidade cigana. Garantiremos os subministros básicos en todos os fogares que teñan dificultades para facerlles fronte”.

Con este programa de goberno, o BNG-Asembleas Abertas porá todos os recursos do concello ao dispor da creación de emprego ao tempo que fará unha reforma da política fiscal para que pague máis quen máis.

Un Plan Municipal de Vivenda para garantir un dereito básico, campañas de promoción do consumo no comercio local, un plan de mobilidade sustentable, o desenvolvemento do termalismo, políticas específicas para evitar a emigración da mocidade, e a posta en valor do noso patrimonio material son outras das liñas básicas recollidas no programa electoral do Bloque en Ourense.