Pedro Sánchez e José Ángel Vázquez Barquero

O candidato socialista á alcaldía de Ourense, José Ángel Vázquez Barquero, recibiu este xoves o respaldo do líder do PSOE, Pedro Sánchez, que acudiu á cidade para participar no acto de presentación da súa candidatura.

 

O evento, no antigo Banco de España, comezou coa intervención da número dous da lista e secretaria da agrupación local, Carmen Rodríguez Dacosta. Tras ela interviu o secretario dos socialistas galegos, José Ramón Besteiro, e o secretario xeral do PSOE, Pedro Sánchez. Nos seus discursos destacaron a xestión do actual alcalde, Agustín Fernández, e auguraron bos resultados para Barquero.

O candidato pechou o acto pedindo aos ourensáns que digan si “ás medidas pensadas para os cidadáns, para os veciños que teñen máis dificultades” e a “un urbanismo solidario e para todos”, e que digan non “aos recortes” e “ao urbanismo especulativo” do PP.

Retraso
Os militantes e simpatizantes socialistas tiveron que agardar preto dunha hora o inicio do evento, pois Sánchez chegara a Ourense con tres cuartos de hora de retraso, retraso que se ampliou ao realizar un pequeno percorrido a pé pola rúa Paseo acompañado da comitiva socialista. Paseo durante o cal non parou de repartir bicos ás mulleres que se lle achegaron, facerse selfies con simpatizantes e incluso firmar algún que outro autógrafo, e tivo tempo ademais para deterse nos stands da Feira do Libro, onde botou un ollo a algún exemplar, como o do cómic de Mortadelo e Filemón sobre Bárcenas.