Campamento de verán na Tecnópole

Os dous mellores proxectos dos alumnos participarán na Galiciencia con motivo do seu décimo aniversario.

 

O Parque Tecnolóxico de Galicia – Tecnópole acaba de abrir o prazo de inscrición para o único campamento tecnolóxico de verán que se celebra en Galicia. Os Tecnópole Technological Workshops (T2W) chegan á súa terceira cita anual o vindeiro mes de xullo cun incentivo con motivo do décimo aniversario da Galiciencia: os dous equipos de alumnos que presenten os mellores proxectos terán asegurado un stand para mostralos ao público durante esta edición especial da feira, que se celebrará en novembro.

O campamento terá lugar entre o 1 e o 14 de xullo e estará dirixido a 40 rapaces e rapazas de entre 12 e 18 anos. Todos os participantes traballarán no desenvolvemento de proxectos tecnolóxicos con diferentes graos de complexidade en función das súas idades. Para facelo posible, o programa incluirá nocións sobre o deseño de aplicacións móbiles e videoxogos, edición fotográfica e de vídeo, creatividade, biotecnoloxía, etc. Este ano a actividade estrela será a robótica, con sesións de formación todos os días do campamento.

As actividades do campamento están deseñadas en función das idades dos participantes. En calquera caso, os obxectivos que se perseguen son comúns e consisten no desenvolvemento da capacidade resolutiva e innovadora e na dinamización da axilidade mental e da creatividade. Ademais de procurar que os alumnos e alumnas adquiran novos coñecementos tecnolóxicos, preténdese potenciar neles actitudes como o respecto mutuo, a colaboración e a socialización, xunto con habilidades relacionadas con falar ben en público e a práctica do inglés.

Os monitores e profesores son expertos en didáctica da ciencia e da tecnoloxía e no resto das materias que se van desenvolver na academia, aplicando unha metodoloxía dinámica, participativa, flexible, integradora e adaptada a cada tipo de idade.