Xerardo Seoane mantivo reunións con colectivos empresariais e veciñais radicados no casco vello de Verín, para explicarlles o programa de rehabilitación, mellora e promoción da devandita zona, caso de que os socialistas acaden o goberno.

 

Seoane anunciou como primeira medida a anulación da ordenanza que rixe no casco vello de Verín, «por ser manifestamente contraria os intereses veciñais e aprobarse sin o máis mínimo consenso, senón a través dunha medida dictatorial do actual alcalde».

Dende o PSdeG, promoverase a creación dunha Fundación na que se integrarán as institucións públicas, as asociacións comerciais e os propios veciños. Será a Fundación a encargada de redactar o Plan Director e promover a aprobación do P.E.R.I. para o casco antigo de Verín. A finalidade útima é lograr que o casco antigo sexa dinamizado urbanistica, económica e culturalmente coa participación de todos os axentes.

Neste senso, os socialistas prevén trasladar institucións públicas espalladas polo pobo para esta zona de Verín, promover a rehabiltación progresiva das edificacións e dinamizar o casco vello como un centro comercial aberto.

A financiación dos programas de remodelación urbanistica, peonil e de promoción económica serán sufragados con cargo ao Orzamento Municipal e ás subvencións que se acaden nas distintas administracións, indican desde a candidatura socialista, que prevé un investimento inicial para o primeiro ano de dous millóns de euros.