Francisco Conde na Feira de Artesanía

O conselleiro de Economía e Industria participou na inauguración deste encontro, que permanecerá na Alameda ata o vindeiro día 3.

Francisco Conde salientou na inauguración da XIX edición da feira de Artesanía de Ourense que este encontro é un referente na promoción e comercialización do produto artesán galego, sinalando que esta cita, punto de arranque do calendario de feiras de artesanía de Galicia, é un importante elemento de dinamización económica e cultural para a capital ourensá.

O conselleiro, que estivo acompañado polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, polo alcalde, Agustín Fernández, pola directora xeral de Comercio, Sol Vázquez, e polo candidato do PP, Jesús Vázquez, destacou o traballo da Asociación de Artesáns de Ourense na organización da feira, que permite achegar os oficios artesanais á sociedade e ofrece o mellor escaparate para que os profesionais presenten as súas pezas.

Conde subliñou que o apoio da Xunta á mostra de Artesanía de Ourense se enmarca no Plan de Artesanía de Galicia, unha folla de ruta trazada co sector desde a convicción “de que a mellor maneira de preservar o importante patrimonio que supón a Artesanía de Galicia é incidir na competitividade e a potenciación do talento galego”.

A mostra celébrase na avenida de Pontevedra, na Alameda, ata o vindeiro 3 de maio, contando coa participación dun total de 33 expositores de Galicia e outras comunidades e podendo atopar produtos elaborados a man en materiais coma o coiro, a madeira, a cerámica, o téxtil e o vidro; ademais de pezas de xoiería e bixutería.

O espazo de exposición e de venda directa compleméntase coa celebración de talleres de artesanía en vivo en oficios de elaboración de instrumentos musicais e talla de madeira, entre outros; así como sorteos diarios das pezas que se elaboren nestes obradoiros. Destaca a exposición monográfica dedicada ao téxtil Enfiadas, na que participan 4 obradoiros artesáns da provincia de Ourense.