Jesús Vázquez

Tanto el como o seu goberno utilizarán o transporte público se acada a alcaldía de Ourense.

 O transporte público será principal medio que utilicen os concelleiros do goberno municipal de Ourense, nos seus desprazamentos de traballo e institucionais, se o 24 de maio Jesús Vázquez Abad acada a alcaldía da cidade. «Se son alcalde, non terei coche oficial», afirma o candidato popular, ao ter en conta que «Ourense é unha cidade pequena, cómoda para camiñar e cun servizo de transporte público excelente».

Por iso, o transporte oficial do próximo goberno da cidade de Ourense será o transporte público, a través dun convenio coa Asociación Provincial de Taxis de Ourense e o uso do autobús urbano entre o alcalde e os concelleiros do seu equipo. Este é o compromiso do candidato Jesús Vázquez, nun tempo no que «é necesario optimizar os nosos recursos, eliminar gastos innecesarios e contribuir na medida do posible a desconxestionar o tráfico e a fomentar un uso sostible e máis ecolóxico do transporte».

Se preside a corporación municipal, Jesús Vázquez suprimirá un dos actuais postos de persoal de confianza máis criticados nos últimos oito anos: o de chófer de Alcaldía. «O Concello ten un parque móbil con vehículos utilitarios e unha plantilla de conductores que nunca fixeron necesario un chófer non funcionario para o primeiro edil». Ademáis, o custe do posto de chófer de Alcaldía (353.000 euros en oito anos, resultado do salario e a achega á Seguridade Social), será dedicado a engrosar partidas de carácter social, cultural e deportivo.