Candidatura BNG de Barbadás

Destaca a presenza de sete independentes, que se conxugan con militantes históricos e novos afiliados.

O BNG-Asembleas Abertas de Barbadás presentou este sábado a candidatura coa que opta á alcaldía do municipio limítrofe á capital ourensá. Desde o Bloque destacan que se trata dunha candidatura «experimentada e preparada para afrontar o traballo de xestión con forza e ilusión e que se presenta coa esperanza de obter a confianza das veciñas e veciños para formar un novo grupo de goberno que transforme Barbadás nun referente comarcal e galego na prestación de servizos públicos, calidade de vida, respecto ao medio, transparencia e participación democrática».

O cabeza de lista é o actual concelleiro e portavoz, Xosé Manoel Fírvida, seguido dos dous actuais concelleiros no grupo municipal do BNG, Ánxela González Cid e Serafín Núñez Pérez.

O BNG–AA de Barbadás apostou por conxugar a experiencia e o coñecemento da vida municipal con incorporacións de persoas novas na candidatura que comparten o proxecto da organización nacionalista. Trátase de persoas que desenvolven o seu traballo e participan en diversos eidos da vida social, accción sindical, mundo do deporte, movementos culturais, xuvenís etc, e con representatividade en todas as parroquias do Concello.

A candidatura do BNG-AA en Barbadás complétase no primeiro tramo cos seguintes nomes: Xosé Manuel Puga, Andrea Sieiro Paz, María Sol Reis Rodríguez Dopazo, Andrés Soto Sánchez, Lucía Diéguez Pérez, Jesús Fernández Rodríguez e Nuria Feijoo Fernández.

O candidato do BNG-Asembleas Abertas, Xosé Manoel fírvida, destacou que unha maior presenza do nacionalismo no Concello de Barbadás «contribuirá a mellorar a prestación dos servizos públicos, ás políticas de promoción do comercio local, do transporte colectivo, a defensa da nosa cultura e patrimonio e, sobor de todo, fortalecer os servizos sociais para axudar ás persoas que viven situacións dramáticas provocadas polo desemprego, os desafiuzamentos ou a falta de recursos para afrontar o pago de servizos básicos como a luz, auga ou calefacción».