Os socialistas presentarán unha queixa formal pola asistencia do candidato popular a unha reunión co presidente da Confederación Hidrográfica no pobo de Baños.

 

O PSdeG da Veiga denuncia publicamente que, a pasada semana, o ex tenente de alcalde da corporación e empresario Roberto Lameiro Alonso, avisou ao pedáneo de Baños para que anunciase aos veciños a visita do presidente da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, Francisco Marín Muñoz, e do comisario de Augas.

Segundo os socialistas, o momento foi utilizado polo candidato popular, Juan Anta, e por dito empresario para propoñer, en presenza das autoridades, a ampliación da ponte que une os dous barrios de Baños, a solución ao problema de rego nos terreos e o dunha zona inundable dunha casa próxima ao río.

Este feito supón, en opinión do PSdeG da  Veiga, o incumprimento da Lei Orgánica do Réxime Electoral Xeral. Concretamente, o disposto no artigo 50.3 que dispón que, dende a convocatoria de eleccións e ata a celebración destas, «queda prohibido realizar calquera acto de inauguración de obras ou servizos públicos ou proxectos destes».

Os socialistas da Veiga din que non entenden como o presidente da Confederación se prestou «a esta utilización tanto da súa persoa coma da institución que representa por parte dos señores Juan Anta e o propietario da empresa Petrolam. Tampouco sabemos por que o empresario Roberto Lameiro, con interese no ámbito, ten que propoñer obras co visto bo do candidato popular e en presenza do presidente da Confederación».

O candidato á Alcaldía da Veiga, Fernando Fernández, presentará unha queixa formal polo sucedido ante o organismo pertinente.