Deputación entra no accionariado da estación de Manzaneda

Manuel Baltar formalizou, en representación da institución provincial, a compra do 28 % das accións “co obxectivo de que Meisa siga a xestionar co eficacia, modernidade e eficiencia a estación de montaña en Galicia”.

 

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, asinou o ingreso da institución provincial no accionariado da estación de montaña de Manzaneda. Desta maneira, a Deputación adquire o 28 % das accións de Meisa converténdose no segundo accionista da empresa por detrás da Xunta de Galicia. O presidente do goberno provincial afirma que a Deputación “fai que se visualice unha aposta contundente por vertebrar o territorio nunha zona na que especialmente temos que favorecer o seu desenvolvemento como é a contorna de Manzaneda, Trives e Chandrexa de Queixa”.

Explica Manuel Baltar que a Deputación “volve ao accionariado da estación de montaña de Galicia, logo da recuperación da facenda provincial, para estar novamente presentes nos órganos de xestión de Meisa”.

“O obxectivo –subliña o presidente provincial- é apoiar dende a Deputación para que Meisa siga a xestionar con eficacia, modernidade e eficiencia, como o está facendo dende que OCA Hoteis entrou no accionariado, a estación de montaña de Galicia, algo que temos que impulsar para favorecer o desenvolvemento desta contorna da provincia de Ourense e facer da estación de Manzaneda un polo de atracción turística desta comarca, de Ourense e de Galicia”.

En opinión do presidente, “trátase de consolidar o desenvolvemento dunha infraestrutura xa existente, situada na contorna máis despoboada da provincia de Ourense, pero tamén a zona que pode converterse nunha das máis dinámicas precisamente pola gran afluencia de visitantes”.

Nos últimos anos a Deputación de Ourense ten feito xa importantes investimentos e iniciativas para dinamizar a estación de Manzaneda entre os que figuran actuacións en materia de infraestruturas viarias e tecnolóxicas e tamén coa posta en marcha do Programa “Esquiou”, para escolares.

Unha vez formalizada a transmisión, o accionariado de MEISA queda constituído da seguinte maneira: Xunta de Galicia, 34 % de acciones; Deputación de Ourense, 28 %; Oca Hoteis, 23,6 %; e os concellos de Trives e Manzaneda, que se reparten a partes iguais o 14,4 % das accións restantes.