O vindeiro xoves, ás 19.30 horas, a Biblioteca Pública Municipal de Verín acollerá o relatorio “Os Maios” a cargo de Clodio González Pérez e José Luis Cruz.

 

Estes dous expertos na etnografía galega realizarán unha aproximación histórico-antropolóxica ao ciclo dos maios, co obxectivo de conservar o sentido e a pureza desta manifestación cultural. Unha tradición nada coa agricultura, divinizada por gregos e romanos, e despois cristianizada, mantense tamén en Verín con gran participación de menores e adultos.

Clodio González Pérez naceu en Cenlle (Ourense) en 1947. Mestre xubilado, historiador e etnógrafo. Autor de varios libros, traballos de investigación e artigos xornalísticos. Premio nacional de prensa do certame Artesanía, tradicións e costumes de España (artigos en La Voz de Galicia), os anos 1984, 1985, 1986 e 1987 (ex aequo cunha colaboradora de El País). Premio de investigación da Deputación de Pontevedra en 1987 e 1992 e do concello de Celanova – Deputación de Ourense, en 2008.

O etnógrafo José Rodríguez Cruz naceu na veciña comarca de Conso-Frieiras, en A Gudiña. Autor de varios libros como Terras das Frieiras, que fai un percorrido pola historia e a cultura da zona limítrofe de Ourense con Portugal e Zamora, Así falan na Gudiña ou Mitos, crenzas e costumes da Raia Seca (xunto co Padre Fontes no que se recolle boa parte dunha cultura ligada a mitos, crenzas ou celebracións relixiosas conservadas desde tempos inmemoriables polos habitantes do sur de Galicia e a rexión portuguesa de Tras-Os-Montes). Este escritor tamén conseguiu o XVI Premio de Investigación Antón Fraguas, polo seu traballo Indumentaria e fala (escolma de fraxeoloxía relacionada).