A Casa da Cultura acollerá na primeira quincena de maio na programación de primavera en Verín de Cinemas de Galicia un pequeno ciclo de cine infantil que comezará o domingo día 3 de maio coa proxección de «O pequeno mago» ás cinco da tarde.

 

Filme de animación de 80 minutos, catalogado dentro do xénero fantástico, «O pequeno mago» está recomendado para idades comprendidas entre os 6 e os 12 anos, está ambientado na Idade Media.

A película gañou o premio á Mellor Banda Sonora de Longametraxe nos Premios Jerry Goldsmith. Os dous temas, compostos e interpretados polo famoso grupo francés Manau, precursores do rap celta, foron número un nas listaxes de éxitos de Francia e Bélxica, onde a gravación que os conten acadou máis de dous millóns de vendas.

A historia do pequeno mago, transcorre no século XI, en plena Idade Media, no sur-oeste do entón Reino de Galicia. Pola película pasa gran parte da sociedade da época, así como algúns dos feitos históricos máis relevantes. Por iso, o filme convértese nunha excelente e entretida lección de historia dun período tan pouco coñecido pola nosa infancia como a Idade Media no noroeste peninsular.

A película, dirixida polo galego Roque Cameselle, desenvolve unha sinxela trama argumental: uns perigosos piratas normandos atracan en Tui, dispostos a saquear a pequena cidade. Un neno de nove anos, armado duna maxia sorprendente, logra que os asaltantes fuxan. A raíz do feito, a súa fama esténdese; coñece a Destreza, a súa inseparable compañeira, e gaña a admiración de todos. Sen embargo, o señor da cidade non lle perdoará que puxese en evidencia a súa covardía diante dos seus vasalos.