As persoas que representen a Anova no Concello de Ourense comprometeranse ao cumprimento dun «estricto» código ético baseado en tres eixos fundamentais: fiscalización continua da representación política e auditoría cidadá; transparencia, contas claras e finanzas éticas; e reapropiación, colectiva e popular, do poder municipal.

A candidatura de Anova presentou este martes o seu Código Ético de Anova para o Concello de Ourense.Entre as medidas que propoñen están a de facer públicas as axendas dos representantes electos, «visibilizando con quen se reúnen a cotío e os temas que tratan».

Anova tamén facilitará os ingresos, bens e rendementos patrimoniais dos seus representantes públicos, así como aqueles datos precisos para a detección de posíbeis conflitos de intereses e para a elaboración de auditorías cidadás. Este compromiso estenderase aos catro anos seguintes á súa saída da función pública, sinalan.

Os cargos electos manterán reunións nos diferentes barrios para dar conta e marcar as liñas a seguir no concello «cunha periodicidade mínima obrigatoria de 4-6 meses».

O código ético tamén indica a renuncia a créditos bancarios e doazóns de particulares «que podan coartar a independencia política das candidaturas nas que vaian inseridos».

O rexeitamento de agasallos e privilexios, a limitación do mandato a dúas lexislaturas, o cese inmediato de calquera cargo ante a imputación de delitos relacionados coa corrupción, e a revogación de cargos por mala xestión ou incumprimento flagrante e non xustificado do programa son outras das medidas incorporadas ao código ético de Anova.