Anova propón unha suba de impostos para a nova construción e a diminución da presión fiscal sobre a rehabilitación.

Anova-Irmandade Nacionalista reuniuse este luns coa Asociación de Propietarios de Fincas Urbanas de Ourense para recoller demandas do sector e expor medidas viables e necesarias para cumprir uns dos dereitos fundamentais que os poderes públicos están obrigados a garantir segundo a o artigo 47 da Constitución, o dereito a unha vivenda digna.

Para garantir ese dereito, a administración local pode e debe implementar medidas en materia de vivenda. As principais medidas incluidas no programa electoral de Anova son o aumento dos impostos á vivenda de nova construción, a posta en marcha dun programa de aluguer social, a reorientación cara á rehabilitación dos postos de traballo relacionados co sector da construción, a creación dunha Empresa Municipal Pública de Vivenda, e a aprobación de novos proxectos de Áreas de Rehabilitación Integral, sendo prioridade un para o Vinteún.

Ademais, o programa electoral de Anova propón que o Concello de Ourense deixe de traballar con entidades bancarias que teñen executado algún desafiuzamento na nosa cidade. «Por ética e convencemento, o concello non pode beneficiar en ningún caso a bancos que deixan na rúa a veciñas e veciños da nosa cidade», din.