34 familias do municipio deixarán de enviar ao contedor case a metade da súa bolsa do lixo para transformalo en compost de calidade para as súas hortas e xardins.

Este mércores dá comezo o programa de implantación da compostaxe doméstica, en vivendas unifamiliares do Concello de Taboadela, que conta coa colaboración do Ministerio de Medio Ambiente e a execución técnica da asociación ambientalista Amigos da Terra.

O progresivo aumento da cantidade de residuos producidos, os problemas derivados do actual modelo de xestión e a necesidade de atopar unha alternativa a esta situación, foron os motivos principais que fixeron poñer en marcha este programa que comeza mañá coa fase formativa.

O proxecto iniciouse hai xa uns mes co proceso de selección de 34 familias, os requisitos para participar incluían o habitar unha vivenda unifamiliar do municipio con parcela anexa, a concienciación ambiental e o número de habitantes da vivenda. Finalmente, foron deleccionadas 34 familias participantes que cumprían estes requisitos.

A parte formativa do proxecto terá lugar o xoves ás 19:00h no Centro social de Pereiras- Taboadela. Trala formación efectuarase o reparto de material, e os participantes asinarán un contrato de aceptación das condicións do proxecto.

O obxectivo do proxecto é o de reducir os residuos orgánicos producidos no concello, obter un abono de calidade, e concienciar aos cidadáns acerca da problemática asociada aos residuos. Para iso repartirase un composteiro de 420 litros a cada familia. Así mesmo, proveráselles dun manual para coñecer máis do proceso e de asesoramento técnico a domicilio e por teléfono, por parte dos técnicos de Amigos da Terra.

Unha vez se inicie o proceso nas vivendas, realizaranse tres visitas nos domicilios dos participantes, para facer seguemento, resolver dúbidas e recoller datos relativos á evolución do proxecto. Finalizarase coa extracción de compost de cada composteiro e unha avaliación da experiencia, que servirá para poñer en marcha outras vindeiras fases do mesmo.