Tras a proxección ofreceráselle aos cativos o acceso gratuíto a xogos dixitais para móbiles.

A Casa da Cultura acollerá o este domingo 3 de maio a proxección de “O pequeno mago” (un filme de animación recomendado para rapaces de entre 6 e 12 anos), ás 17 horas, dentro da programación de primavera en Verín de Cinemas de Galicia.

A historia do pequeno mago, transcorre no século XI, en plena Idade Media, no sur-oeste do entón Reino de Galicia. Pola película pasa gran parte da sociedade da época, así como algúns dos feitos históricos máis relevantes. Por iso, o filme convértese nunha excelente e entretida lección de historia.

Xogos para móbiles
Para complementar a película, en versións para móbiles e para web, ofrécese gratuitamente o acceso a diversos recursos dixitalizados: unha versión, con 30 niveis de dificultade, do xogo clásico Conecta 3; unha versión, con 20 niveis de dificultade, do xogo das aventuras e poderes do mago; un puzle, tamén con diversos niveis de dificultade; e un xogo con exercicios de memoria, habilidade mental e rapidez.

Exposición sobre os Museos Etnográficos de Ourense
Ata o 14 de maio, a Sala de Exposicións de Verín acolle a mostra ‘Museos Etnográficos de Ourense’, organizada polo Centro de Cultura Popular “Xaquín Lorenzo”, da Deputación Provincial, coa colaboración do Concello de Verín.

Mostra divulgativa, sobre o quefacer museográfico da etnografía ourensana, composta de paneis, vídeos, publicacións e folletos, que ten como obxectivo “promover a inxente riqueza cultural e tradicional da provincia de Ourense”.

A provincia ourensá conta con preto dunha vintena de museos, centros ou parques etnográficos, de titularidade autonómica, municipal ou particular, dedicados a diferentes temas relacionados coa etnografía: olaría, rodas de afiar, oficios tradicionais, a escola no medio rural ou o liño, entre outros. Entre estes museos atópanse o do Chocolate de Para do Sil, Etnográfico de Castro Caldelas, Infancia e da Escola de Pobra de Trives, etc.

A exposición pódese visitar das 10 ás 14 e das 17 ás 20.30 horas, de luns a sábado.