A cabeza de lista do PSOE na capital limiá considera que os veciños “teñen dereito a que os candidatos contrapoñan publicamente os seus programas e analicen a xestión dos últimos 4 anos”.

 

Elvira Lama, candidata do PSdeG-PSOE á alcaldía de Xinzo, pediulle ao candidato do PP, Antonio Pérez, un debate público, sen condicións previas e baixo calquera tipo de formato, e que teña lugar o antes posible.

“Os veciños de Xinzo teñen dereito a que confrontemos os nosos programas, contrastemos os nosos proxectos de futuro e poidamos analizar a xestión dos últimos catro anos”, explica Lama, que agarda unha resposta “positiva e rápida”.

En canto á data, a candidata espera que se celebre o antes posible, nos primeiros días da campaña electoral que comeza o próximo 8 de maio. En todo caso, sinala que “o único que quero é que se celebre, así que as condicións llas deixo ao candidato do PP. Non vou a poñer ningunha previa”. “Persoalmente, gustaríame un cara a cara co candidato do PP, pero non me pecho a ningunha outra opción se el a prefire”, insiste.

Unha vez reciba a contestación do popupar, a candidata socialista proporalle que o debate se celebre en algún lugar aberto e público de Xinzo con ampla capacidade e que poida ser retransmitido total ou parcialmente polos medios de comunicación que o desexen.