Este venres 1 de maio, como vén sendo habitual desde os anos oitenta, a praza da Alameda de Verín acollerá a Festa dos Maios.

 

Desde as 11 da mañá e até o mediodía está prevista a exhibición dos maios tradicionais e artísticos que confeccionaron a Asociación Verinense de Amigos da Música, a Asociación Cultural Alto Támega, o CPR Plurilingüe María Inmaculada, o CEIP Princesa de España e o CEIP Amaro Refojo. Tamén ás 11 da mañá, se se cumpren as previsións, comezarán o Trofeo de Petanca Maios 2015 (con 5 parellas inscritas) e as tiradas da modalidade infantil do Trofeo de Chave Ricardo Soto, no que están inscritos 43 alumnos e alumnas de 5º e 6º de Primaria do CEIP Amaro Refojo, do CPR Plurilingüe María Inmaculada e do CEIP Princesa de España.

Na praza García Barbón, a Compañía Títeres Seisdedos escenificará Varietés ás 12 horas. A mesma hora (12 horas) está previsto o comezo das tiradas para adultos do Trofeo de Chave Ricardo Soto, de inscrición libre até o comezo da proba.

Ás 12.30 horas sairá da praza do Concello a Banda de Gaitas do Concello de Verín. O pasarrúas rematará na Alameda cun concerto ás 13 horas. Das 11 da mañá estarán á venda as coplas do Certame Enrique Gómez Pato, editadas polo Concello de Verín. O exemplar venderase a 1 euro e o diñeiro recadado será para a obra asistencial na comarca da Cruz Vermella.

Durante a programación dos festexos e até primeira hora da tarde haberá na Alameda un posto de polbo. O pan é o viño serán grutuítos, subvencionados, como é habitual desde os anos oitenta, polo Concello de Verín.