Instalando unha oficina de colocación (simbólica) diante da Deputación Provincial de Ourense, os nacionalistas queren poñen en evidencia as diferenzas das súas políticas de emprego coas “contratacións caciquís do PP”.

 

As políticas do BNG-Asembleas Abertas en materia de emprego son “diametralmente opostas ás practicadas polo Partido Popular”, aseguran. Por iso, veñen de instalar, dunha maneira simbólica, unha oficina de colocación ás portas da Deputación de Ourense, logo de denunciar, máis dunha vez, “o uso partidario das contratacións levadas a cabo polos gobernos do PP en toda Galicia, e nomeadamente na provincia de Ourense”, lembran.

“Mentres o paro en Galiciaa segue a medrar -275.800 persoas desempregadas segundo datos do primeiro trimestre de 2015- mentres os mozos teñen que emigrar, seguen a aumentar os parados de longa duración, o PP segue recorrendo aos enchufes para manter a rede clientelar e caciquil que tan bos réditos electorais lle leva dando en Ourense”, denuncian. E poñen como exemplo o acontecido esta semana en Barbadás, cando “Freire Couto converteu en fixos a 50 traballadoros que entraran como persoal temporal nun proceso onde non se cumpriran os principios básicos de igualdade, mérito e capacidade”.

Plan de Emprego
Tanto o Partido Popular como o PSOE tiveron a oportunidade de frear o desemprego en Ourense se apostaran polo Plan de Emprego que se aprobou no Concello a iniciativa do BNG. “Uns por desidia e outros por boicot deixaron morrer o programa”, denuncian. Pero aínda están a tempo, din os nacionalistas, por iso a candidatad á alcaldía de Ourense, Susana Garcíam pedíalle este 30 de abril a Jesús Vázquez que apremiara ao presidente da Xunta para que se dictaran os informes preceptivos deste plan e así poñelo en marcha o antes posíbel.

Neste senso, García lembrou varios puntos do seu programa electoral: cláusulas sociais en toda os contratos que faga o Concello para garantir os dereitos dos traballadores e promover un emprego estábel e digno; favorecer o emprendemento feminino; promover convenios de colaboración coa Universidade de Vigo, a Cámara de Comcercio e a CEO; plan de choque contra o desemprego xuvenil; elaboración de programas de formación para desempregados con dificultades particulares ou en risco de exclusión; apoiar inciativas de intercambio e troco; fomentar o cooperativismo; liña de microcréditos e espazos municipais de coworking para proxectos empresariais.