Os nacionalistas explican que Freire Couto pedíu o traslado deste centro e están imposibilitando o cambio de cartillas para o mesmo para xustificar o seu peche.

 

O BNG de Barbadás vén de denunciar a intención do SERGAS de pechar o centro de saúde da localidade tralas eleccións municipais do 24 de maio.

Neste centro, Freire Couto, o que foi alcalde do Concello durante décadas e que abandonou recentemente a política, ocupaba unha praza de médico, pero vén de solicitar o seu traslado a San Cibrao das Viñas.

Segundo os nacionalistas, a praza valeira que deixou non foi cuberta seguindo o concurso de traslados. “Actualmente esta sendo cuberta cunha médica contratada a tempo parcial (media xornada) e que comparte co PAC de Maceda, polo que vén catro horas diarias a Barbadás de luns a venres”, explican dende o BNG, que vén clara a intención do SERGAs: “amortizar a praza de médico en Barbadás”.

Esta sospeita do BNG de Barbadás vén a reafirmarse coa noticia de que non se permite o traslado das cartillas médicas do centro de saúde da Valenzá para o de Barbadás, mais si á inversa. É dicir, “o SERGAS está valeirando artificial e obrigatoriamente de cartillas o dispensario de Barbadás para xustificar o seu peche”, denuncian.

Como consecuencia, o BNG fixo asembleas en todas as parroquias afectadas para informar á veciñanza e repartos na Valenzá, e para o vindeiro pleno do 4 de maio presentou una moción para “debater o asunto co propio Freire Couto, pedirlle explicacións da situación sanitaria do concello e exixirlle ao SERGAS que non peche o centro de saúde de Barbadás”, conclúen.