Entre Xunqueira e Venda do Río as obras do AVE deterioraron por completo o firme. Por iso, os nacionalistas piden novo asfaltado, así como sinalización e arcéns.

 

A estrada OUR CV-ID ( 101) que une o polígono de San Cibrao das Viñas con Xunqueira de Ambía , responsabilidade desta Deputación, discorre nun dos seus tramos (entre Xunqueira e Venda do Río) en paralelo co proxecto Corredor Norte-Noroeste de alta velocidade do tramo Lubián-Ourense.

Polo que dende o inicio das obras este tramo foi utilizado polo transporte e maquinaria de gran tonelaxe por parte das empresas encargadas das obras, que hai máis de 6 meses que se retiraron deste tramo, segundo informan dende o BNG; quedando os vixiantes, un enxeñeiro de retén e algún persoal de servizo nas oficinas do tramo.

Como consecuencia á presenza destes transportes, para os cales non estaba preparada esta estrada, producíuse no tramo o afondamento da capa de rodadura en numerosos tramos do seu percorrido. Baixo esta premisa a propia Deputación permitíu a intervención das empresas contratadas polo Ave para ampliar a calzada, asentando as cunetas con cemento para que os seus vehículos de transporte puideran circular do modo máis seguro.

“Rematadas as obras, o cemento deteriorado pola circulación e polas inclemencias do tempo supoñen un perigo constatado polos reventóns e as saídas de vía que se producen a miúdo”, explican os nacionalistas. “O estado xeral da estrada é deplorable, con grao de alta perigosidade”, insisten. Ademais, lembran que carece de sinalización horizontal e andés laterais para a circulación de camiñantes, a pesar de que por ela trascorre o Camiño de Santiago.

Por iso, dende o BNG esixen á Deputación a aprobación urxente do arranxo integral desta estrada, que con cargo ao remante de tesoureiría se proceda a ampliar a capa de rodadura, un novo asfaltado, sinalización horizontal e vertical e arcéns axeitados para peóns no tramo Xunqueira de Ambía- Venda do Río.