Disputarase o venres 1 de maio e inclúe unha master class de Rubén Orihuela no polideportivo da Feira.

Este 1 de maio Ourense acolle o VII Torneo de Primavera de ximnasia 2015, coa participación de todos os clubs galegos de ximnasia rítmica, que competirán entre tres niveis: promoción (de conxuntos e individual), base individual e federado individual.

Nesta cita, organizada polo Club Ximnasia Pavillón e á que se agarda que acudan preto de 400 ximnastas, participarán os seguintes clubs:  Os Triscas (Pontevedra), Apóstolo Santiago (Vigo), Saraiba (Poio),Treboada (Pontevedra), Casino (Pontevedra), Rias Baixas (Pontevedra), Porriño, María Barbeito (A Coruña), Esquío (Ferrol), Escola Vagalume, Arousa, CD Ximnasia Compostela, Escola Municipal de Celanova, Escola Municipal de Barbadás, CEIP A Ponte, CEIP Antonio Failde, CEIP Seixalvo, Pavillón Ourense e Escola Pavillón Ourense.

A competición terá lugar na cancha central dos Remedios de 10:30 a 14 horas e de 15:30 a 20 horas.

Rubén Orihuela
Este ano, ademais, terá lugar unha exhibición do ximnasta Rubén Orihuela, referente nacional de rítmica. Orihuela impartirá unha master class de 10.30 a 13.30 no polideportivo da Feira, na que poden participar todos os ximnastas que o desexen.

Tamén se celebrará unha exhibición de trampolín a cargo dos ximnastas do CPI Antonio Failde de Coles.

Medallas de cartón por Desirée
A prometedora carreira deportiva de Desirée Vila, ximnasta viguesa do Club Flic Flac de 16 anos, truncouse o 26 de febreiro.
Está repetindo, unha e outra vez, un complicado exercicio do seu trío. Pero non menos que moitos outros que tiñan realizado. Mortal en plancha sobre a cama elástica. Pero nunha das últimas repeticións que lle quedaban cae  todo o peso do seu corpo sobre a súa perna dereita e rómpea.
De inmediato é trasladada ao Hospital de Fátima de Vigo. Nun primeiro exame diagnostícaselle que ten rotos tibia, peroné e os dous meniscos. Dúas horas despois é levada á Clínica El Castro, tamén na capital olívica, o centro que lle corresponden polo seguro da Federación, onde é operada, aparentemente, con éxito.

Pero aos cinco días a cousa cambia. Aparecen complicacións e volve a mudar de centro, esta vez pasa a Povisa, onde volven a sometela a varias intervencións, pero o de-senlace será fatal: o equipo médico comunícalle á familia a necesidade de amputar o membro por enriba do xeonllo.

Mes e medio despois disto, e en plena terapia psicolóxica na que traballa a súa retirada deportiva e o estrés postraumático, a campioa galega en tríos de ximnasia acrobática en 2012, e campioa de España e 19ª do Mundo en 2014 decidiu mirar cara o futuro. Baixo o lema “Da el paso” e “Se hace camino al andar”, Desirée e a súa familia puxeron en marcha unha campaña para recadar fondos para xuntar os 70.000 euros que custa unha prótese e adaptar o seu fogar ás súas novas circunstancias. Todo para lograr que este portento da ximnasia acrobática -que comezou bastante tarde na disciplina, con 13 anos, pero á que lle sobraban cualidades para facer historia- teña agora unha vida normal.

Todo o apoio
O seu club, os seus compañeiros de equipo e de instituto, e diversas entidades e autoridades de Vigo xa lle mostraron o seu apoio. Agora fano os ximnastas ourensáns. E fano colaborando coa causa da mellor maneira que poden, porque eles tampouco é que anden sobrados de axudas económicas. Pero cando fai falta apoio, con vontade basta. Así, no VII Torneo de Primavera de ximnasia rítmica, que se celebrará nos Remedios este 1 de maio, os vencedores terán a súa medalla, pero estará confeccionada en cartón, polos propios deportistas do Club Ximnasia Pavillón, o organizador. Deste xeito, o diñeiro que se adicaría á compra dos metais será doado á causa de Desirée.

Completar a súa recuperación e rematar Bacharelato son agora os principais obxectivos da viguesa. As súas metas mudaron moito nestes dous meses, pero o seu  optimismo e as gañas de vivir seguen intactos. Desirée, sen sabelo, danos unha lección de vida e o Club Ximnasia Pavillón, sen pretendelo, unha de solidariedade.