Ao longo do mes de maio os nenos e nenas de Educación Infantil e Primaria dos centros de ensino participantes visitarán a exposición situada no Museo Municipal.

Este martes 5 de maio a Concellería de Educación da comezo á XXVI Exposición de literatura Infantil no Museo Municipal, entendida como un espazo lúdico de encontro cos libros. Durante todo o mes de maio os nenos e nenas, de Educación Infantil e Primaria, de diferentes centros educativos da cidade visitarán a exposición que ten coma tema globalizador as viaxes “Por terra, por mar, por aire… Marco Polo non escatimou esforzos por coñecer novas civilizacións e aprender de cada unha, para regresar o seu país e dar a coñecer os seus descubrimentos”.

O obxectivo do programa de animación á lectura, que se desenvolve en colaboración cos centros de ensino ao longo de todo o curso académico, é espertar nos nenos e nenas, dende cativos, a curiosidade pola lectura e de xeito didáctico achegalos e achegalas ao mundo dos libros, creando novos lectores e lectoras.

A exposición, que conta con 3 espazos diferenciados e cunha decoración que sumerxe aos rapaces e rapazas no mundo da lectura, contará con catro monitoras que actuarán de guías. A exposición conta tamén cunha colección dos traballos que os alumnos e alumnas realizaron durante o curso escolar nas diferentes actividades organizadas pola Concellería no marco do programa de animación á lectura.

Acceso á exposición para o público en xeral

Ao longo do mes de maio levaranse a cabo tres sesións matinais dirixidas aos centros escolares e será pola tarde, de martes a venres e en horario de 19.00h a 20.30h e os sábados pola mañá de 11.00h a 13.00h, cando estará a disposición do público en xeral.

Así, os martes e xoves haberá sesións de contacontos ás 19.30h e o sábado pola mañá ás 11.00h haberá contacontos en inglés.

Os mércores 13, 20 e 27 de maio haberá un obradoiro para profesores e profesoras que leva por título “Viaxando entre libros”.