O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, mantivo un encontro con empresas do polígono no que lles trasladou as principais liñas de actuación da Consellería e escoitou as súas propostas.

O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, mantivo este 4 de maio un encontro con empresarios do polígono de San Cibrao das Viñas no que se avaliaron medidas conxuntas para continuar a impulsar a competitividade das empresas asentadas neste parque empresarial e promover a implantación de novos proxectos no mesmo. Na reunión, celebrada na sede da asociación de empresarios, que preside Elías Mera, o conselleiro trasladoulles as principais liñas de actuación da Consellería, ao tempo que escoitou as súas propostas.

O conselleiro incidiu en que San Cibrao vai xogar un importante papel na Axenda da Competitividade Galicia-Industria 4.0. E precisamente co obxectivo de activar a Industria 4.0 en Galicia, a Xunta achegará a tecido empresarial financiamento destinado a innovar centrado tanto na renovación de maquinaria como na introdución de melloras en procesos produtivos e tecnoloxía. Tamén no eido da innovación, Francisco Conde animou aos empresarios a participar na nova convocatoria do programa Innterconecta, que vén de activar o CDTI para impulsar proxectos innovadores en cooperación. Así mesmo, resaltou o papel do Parque Tecnolóxico de Galicia-Tecnópole, sede da aceleradora de innovación Agrobiotech.

Francisco Conde trasladoulle así mesmo aos participantes na reunión que unha economía máis internacionalizada é sinónimo de fortaleza e competitividade, lembrando que a Xunta destinará ao desenvolvemento da Estratexia de Internacionalización da Empresa Galega 2020 50 millóns de euros nos dous próximos anos.

No encontrou lembrouse ademais que o Polígono de San Cibrao está de celebración, xa que este ano fai medio século de actividade, destacando que nos seus preto de 5 millóns de metros cadrados están establecidas 325 empresas, que xeran máis de 8.000 empregos directos. No primeiro trimestre de 2015 o polígono impulsou 563 novas contratacións no sector industrial.