As novas infraestruturas desenvolveranse nas inmediacións da actual estación de ferrocarril de Ourense.

O Diario Oficial de Galicia publica a licitación para a contratación do servizo para a elaboración dos estudos previos da terminal de autobuses integrada na estación intermodal de Ourense, que se ubicará nas inmediacións da actual estación de ferrocarril, situada na avenida de Marín.

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas achega un importe de 50.715 euros para a realización destes estudos que deberán constar de catro puntos: levantamento topográfico, necesidades e análise de impacto, estudo funcional da nova terminal de autobuses e avaliación de liñas, viario e tráfico. O prazo de execución establecido para a execución deste estudo será de catro meses.

Levantamento topográfico
Realizarase un levantamento topográfico do ámbito da actuación e os seus arredores coa extensión suficiente para a perfecta definición da zona. Este punto incluirá o levantamento completo dos edificios existentes no ámbito da intervención. Tamén constarán todos os elementos existentes na parcela de tal xeito que se poidan identificar os servizos afectados.

Estudo de necesidades
Este estudo ten por obxecto o establecemento do programa de necesidades da nova terminal de autobuses integrada na intermodal de Ourense. Fixarase a capacidade mínima da nova terminal no que respecta a número de dársenas, servizos a prestar e dimensionamento de plataformas. Definiranse ademais os espazos e áreas necesarios para asegurar unha axeitada maniobrabilidade dos autobuses e avaliaranse as necesidades de aparcadoiro para turismos.

Análise de impacto
Realizarase unha análise dos impactos que a actuación prevista terá sobre a contorna e en especial, sobre a poboación da área metropolitana de Ourense.

O obxectivo é analizar a potencialidade das actuacións previstas, avaliando o número actual e futuro de usuarios de ambas estacións, as pautas de mobilidade e desprazamento da poboación da área metropolitana e valorando o número de usuarios intermodais potenciais.

Estudo funcional
Coñecidas as necesidades e realizada a análise de impacto, avaliaranse os espazos anexos ao actual edificio de viaxeiros da estación de ferrocarril, ocupados por aparcadoiros e edificios varios, coa fin de determinar a mellor localización para a nova terminal de autobuses coas mínimas afeccións posibles.

Dimensionaranse adecuadamente as zonas destinadas ao viaxeiro, a instalacións e a autobuses, garantindo unha axeitada accesibilidade, maniobrabilidade e operatividade dos mesmos e as destinadas a turismos.

Liñas, viario e tráfico
En primeiro lugar, realizarase un estudo de reordenación das liñas de autobuses do servizo público regular de uso xeral de transporte de viaxeiros competencia da Xunta, motivada pola apertura da nova terminal de autobuses.

O obxectivo do estudo é elaborar unha proposta de itinerarios e puntos de parada dentro do termo municipal de Ourense, tendo en conta a localización da nova terminal e a capacidade xeométrica do viario inmediato.

En segundo lugar, cada posible ordenación de liñas estudada realizarase en función das dimensións e radios de xiro dos autobuses e demais vehículos que vaian ter que acceder á nova terminal. Neste informe terase en conta tamén calquera viario previsto no planeamento urbanístico.

En terceiro lugar, levarase a cabo un estudo da incidencia sobre o tráfico do funcionamento da estación intermodal e da nova reordenación de liñas de autobuses proposta. Analizarase a repercusión, que sobre o tráfico rodado actualmente existente na contorna da estación de ferrocarril, previsiblemente poidan ter os novos fluxos de peóns, ciclistas, automóbiles e autobuses derivados da entrada en funcionamento da estación intermodal.