Celebrarase o sábado 23 de maio, cun percorrido que, como novidade, evita o asfalto e potencia os camiños naturais.

A concellería de Deportes do Concello de Allariz abre o prazo de inscrición para participar na décimo oitava edición da Andaina de Allariz, que se celebrará o vindeiro 23 de maio.

A andaina popular de Allariz, pioneira en Galicia, celebrábase por primeira vez no ano 1998, dende entón a súa popularidade e número de participantes non parou de medrar, alcanzando hoxe en día entre os 700 e 800 participantes inscritos.

Esta é unha iniciativa coa que se pretende familiarizar ós participantes neste tipo de proba longa (na que se percorren 50 quilómetros en 12 horas), ademais de potenciar e dinamizar o fermoso itinerario que discorre por antigas vereas, corredoiras e sendeiros naturais de Allariz e arredores. A proba terá un importante compoñente medioambiental porque descorrerá pola práctica totalidade dos camiños que cruzan a Reserva da Biosfera “Área de Allariz”.

Novidades no percorrido
A andaina de Allariz presenta cada ano novidades en canto ao percorrido co obxectivo, segundo explicaban os técnicos organizadores, “de evitar o asfalto e potenciar os camiños naturais”. Nesta edición as rutas son as mesmas que o ano anterior pero cambiadas de orde. A primeira ruta pasa a ser a segunda e ao revés.