O cabeza de lista en Ourense, Lito Prado, presentou o seu programa, co que busca “devolverlle o público á cidadanía, transformar Ourense e facer da nosa cidade un lugar de benestar para todos”.

Este 4 de maio Anova Ourense deu a coñecer un bloque de 60 medidas prioritarias e urxentes para a cidade das Burgas, nun acto ao que asistiron o candidato á alcaldía de Ourense, Lito Prado, e os números 2 e 3, Tania Bouzo e Daniel Conde, acompañados por outros membros da candidatura e simpatizantes da formación de Beiras.

Anova Ourense presentou un programa aberto e participativo que é “froito do intenso traballo dos dous últimos anos e medio, nos que se viñemos mantendo xuntanzas cos diferentes colectivos da cidade, así como con comerciantes, ANPAS, e outros movementos asociativos e sociais”, explicaron. O traballo que os militantes de Anova Ourense levaron a cabo en diferentes movementos sociais de loita polo público (SOS Sanidade, Comité en Defensa do onte Galego, loita contra os desafiuzamentos, contra as taxas xudiciais, etc…) serviu para interiorizar un argumentario político-ideolóxico que agora se ve reflectido no programa.

Unha das medidas que Lito Prado anunciou e que por relevancia trátase da creación dunha caixa de aforros local ao servizo da “creación, impulso, innovación tecnolóxica e internacionalización da nosa pequena e mediana empresa e das políticas para garantir unha vivenda digna”, á vez que o Concello, se está nas súas nas súas mans, non traballará con entidades bancarias que autoricen desafiuzamentos.

Outras medidas
Entre as demais medidas propostas por Anova destaca a imposición de orzamentos participativos, creación de tres escolas infantís e tres centros de día (ubicados en San Francisco-Mariñamansa, O Couto-Carballeira e A Ponte-Vinteún), implantación dun plan de emerxencia para alimentar á infancia e á poboación con escasos recursos nos comedores escolares, a creación dunha empresa pública para a xestión da auga, garantir transporte público ao medio rural, apertura das instalacións deportivas dos centros de ensino públicos, construción dun novo polideportivo e aprobación dun PXOM que se centre na rehabilitación, entre outras.