Antonio López recibe o Carracedo de xornalismo

O periodista recibiu o galardón, que outorga a Deputación de Ourense, polo traballo de investigación titulado «La madre de todas las vacunas», referido á figura de Isabel Zendal, a muller que participou na primeira campaña mundial de vacinación.

 

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, dixo este domingo 3 de maio, no acto de entrega do Premio “Xosé Aurelio Carracedo” 2015 que o xornalismo “é a nai de todas as liberdades”, e afirmou que a institución provincial únese coa entrega deste galardón á conmemoración do Día Mundial da Liberdade de Prensa, “cuxa idea fulcral é recoñecer que unha prensa libre, pluralista e independente é un compoñente esencial de toda sociedade democrática”.

O presidente do goberno provincial pechou con seu discurso o acto de entrega do Premio Carracedo 2015, que este ano recibiu o xornalista coruñés Antonio Alfredo López Mariño (Arzúa, 1951). O galardón, dotado con 3.000 euros, outórgao anualmente a Deputación de Ourense para honrar a memoria do xornalista ourensán que lle da nome ao premio, falecido en 1988, e en defensa dun periodismo de calidade. O xurado ditaminou conceder por unanimidade o premio a Antonio López polo seu traballo de investigación titulado «La madre de todas las vacunas», publicado no suplemento dominical do xornal La Opinión, da Coruña, referido á figura histórica de Isabel Zendal, a única muller que participou na primeira campaña mundial de vacinación.

Manuel Baltar dixo que esta data “é a elixida para seguir a lembrar a Xosé Aurelio Carracedo, un exemplo de xornalista vocacional, mestre de moitos e cunha pegada imborrable na nosa historia”, e lembrou a Chesterton, Pulitzer, Camus e Kaspuscinski, ademais de destacar “o meu máximo recoñecemento ao labor xornalístico e a miña loubanza ao cumprimento polos profesionais das normas deontolóxicas, esas que sitúan como verbo clave o de “contrastar”.

Calidade xornalística

No acto, que tivo lugar no Salón de Plenos da institución provincial, Antonio López agradeceu á Deputación de Ourense “a súa aposta polo xornalismo” e dixo que é unha honra “recibir un premio que leva o nome dun admirado xornalista no país de mestres universais da literatura, como Valle Inclán, Torrente Ballester e Alvaro Cunqueiro, e do xornalismo, como Cunqueiro, Julio Camba, Wenceslao Fernández Florez e Xosé Aurelio Carracedo.