O candidato popular propón que Ourense forme parte dun circuito estable da Orquesta Sinfónica de Galicia e da Real Filharmonía.

 

“A Banda Municipal de Música é un recurso da nosa cidade e nós estamos na liña de potenciala súa actividade dándolle un marco de programación estable que debe incluir unha notable presenza nos barrios da cidade, porque Ourense enteiro ten que entender que esta é a nosa banda”, dixo o candidato á alcaldía polo Partido Popular, Jesús Vázquez.

Vázquez Abad, que se reuníu con representantes da Banda Municipal de Música e escoitou as súas inquedanzas, transmitiulles o compromiso do Partido Popular por potenciar o seu papel, abrindo a posibilidade de realizar programacións conxuntas con outras institucións, entidades e artistas; potenciar o intercambio e incluir a tódolos barrios da cidade na programación de concertos da banda. “Os ourensáns teñen que visibilizar o traballo da Banda Municipal de Música para ser conscentes da súa calidade e da súa importancia”, dixo o alcaldable popular, que lembrou que no último exercicio a banda realizou 74 actuacións.

No eido musical, Jesús Vázquez tamén anunciou a realización de diferentes xestións para que Ourense poida ter unha programación estable de concertos, tanto da Orquesta Sinfónica de Galicia como da Real Filharmonía de Galicia, que ate o de agora viñan actuando en Ourense de maneira esporádica.

A creatividade será un dos eixos fundamentais sobre o que Jesús Vázquez centrará a súa xestión cultural da cidade. Así, neste impulso a un «Ourense Creativo», Jesús Vázquez recalca que «habilitaremos un espazo de encontro ou casa das asociacións culturais no Complexo Cultural de San Francisco, que ofreza asesoramento, espazos, talleres e outras actividades, permitindo o aproveitamento de sinerxías e favorecendo o «coworking cultural», identificando así os elementos creativos locais que permita a agregación dos elementos afíns, favorecendo un ecosistema cultural municipal, que posibilite a permeabilidade e a sinerxías entre as diferentes artes».