A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, a través da Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), publicou a licitación das obras de rehabilitación do firme da estrada Piñeira de Arcos-A Ponte Noalla (OU-320), desde a travesía de Taboadela ata a intersección coa N-525.

 

Con esta actuación, que conta cun orzamento próximo aos 240.000 euros, a Xunta de Galicia mellorará o estado do firme que, na actualidade, presenta deformacións e irregularidades na sección transversal como consecuencia de diversas reparacións parciais realizadas ao longo dos anos.

Os traballos previstos desenvólvense nos núcleos de Espiñeira e Taboadela e consistirán no fresado do firme ata eliminar as deformacións existentes, e a posterior extensión dunha nova capa de rodadura. A rehabilitación do firme acompañarase coa reposición da sinalización horizontal e vertical da estrada.

As obras terán unha duración de tres meses e proporcionarán unha rede máis cómoda e segura en beneficio dos máis de 1.600 habitantes do Concello de Taboadela.