Trátase dunha caixa de aforros municipal ao servizo da cidadanía.

 

Este 6 de maio, o candidato á alcaldía de Ourense pola Anova, Lito Prado, así como a nº 2 da candidatura Tania Bouzo e o nº 3 e voceiro local, Daniel Conde, asistiron a unha xuntanza cos representantes do Colexio Oficial de Economistas de Ourense, para recoller as suxerencias e demandas do sector para a cidade de Ourense e ao mesmo tempo, para escoitar as propostas que en materia económica aparecen recollidas nas 60 medidas urxentes de Anova para transformar a cidade.

Aproveitouse esta xuntanza para presentar aos Economistas a creación de Auria Aforra, unha caixa de aforros municipal ao servizo dos ourensáns. Segundo explican, as motivacións que os levan a identificar a necesidade da creación dunha ferramenta financeira a nivel local baséase na necesidade de acceso a crédito por parte dos veciños, así como a súa disconformidado co sector financeiro actual, “desde a súa reestruturación forzada desde Bruxelas, que supuxo a desaparición das caixas de aforros, non chega a satisfacer de todo esa demanda por parte da poboación”, denuncian.

Como consecuencia, propoñen esta entidade paral que se rixa por criterios sociais, como a fixación de poboación na cidade, a creación de emprego, a igualdade de xénero, a conciliación familiar ou a atención aos maiores.

Na xuntanza co Colexio Oficial de Economistas de Ourense tamén se trataron temas con boa acollida como a TarxetaOU, identificando de xeito común problemáticas municipais que Anova leva denunciado, como a ausencia do PXOM, a falta dun área metropolitana ou a non visibilización do potencial termal da cidade como eixo de desenvolvemento nos sectores primario, secundario e servizos.