Barquero

O candidato socialista foi imputado polo caso do nomeamento da directora xeral de Persoal, Carmen Rodríguez Dacosta, a número 2 da súa lista.

 

O candidato socialista á alcaldía de Ourense e actual concelleiro na corporación ourensá, José Ángel Vázquez Barquero, descartou este martes dimitir tras coñecerse a súa imputación, xunto ao resto de membros da Xunta de Goberno local que en xuño de 2013 acordou nomear a Carmen Rodríguez Dacosta, número 2 da candidatura socialista, como directora xeral de Persoal. A decisión do xuíz tómase a raíz dunha denuncia do sindicato USO que vía un posible delito de prevaricación na contratación de Dacosta.

Nunha concurrida rolda de prensa, o político socialista explicou que na súa decisión de non dimitir “pesan máis as responsabilidades que a coherencia”, en referenza a unhas declaracións en prensa de decembro pasado nas que aseguraba que de ser imputado dimitiría.

Barquero quixo transmitir unha mensaxe de “tranquilidade” aos ourensáns, pois, dixo, as decisións da Xunta de Goberno tomábanse “no marco da lei como dicían os informes dos técnicos”. “Actuábamos sempre con boa fe”, recalcou, sinalando que “os veciños son soberanos” e serán eles os que decidan se confiar nel o 24 de maio.

Iso si, o político socialista Acusou ao PP de estar detrás desta denuncia.

En todo caso, recalcou o candidato, coa súa permanencia no cargo non está a incumplir o código ético do PSOE, que fala de dimisión só no caso de que o afectado teña que sentar no banco dos acusados.

Valoración do alcalde
Na mesma liña que Barquero, outro dos imputados por este caso, o alcalde Agustín Fernández, explicou que o procedemento seguido na designación de Dacosta foi “estrictamente legal” e comparouno cos que se siguen noutras administracións para nomear directores xerais “por decreto sen ningún procedemento”.

Por iso, Fernández entende que puido haber algún “erro administrativo” no procedemento pero non “responsabilidades penais” e apelou á presunción de inocencia “porque se non se producen danos irreparables” recordando que el xa fora imputado en tres ocasións e as tres se arquivaron.

Para o PP, “non ten palabra”
Non opinan o mesmo no Partido Popular. O seu voceiro municipal, Rosendo Fernández, opinou que “pouco valor teñen as palabras do candidato Barquero” e que “se non cumpre coa súa palabra non poderá nunca cumprir con Ourense”. “Nin ten palabra nin ten coherencia, o que ten que facer é irse”, indicou.

O político popular cualificou de “falcatruada” o procedemento de designación da directora xeral de Persoal no Concello de Ourense, en referenza ao feito de que outro candidato “que en tempo e forma optaba a director xeral non foi avaliado”.
Rosendo Fernández tamén considerou que o feito de que Barquero lle bote a culpa deste proceso xudicial ao PP é “unha excusa de mal pagador”; “quen imputa é un xuíz”, recordoulle.