Contempla a potenciación de novos centros de día e programas de axuda no fogar

“Temos que traballar en moitos frentes, sempre en positivo, ofrecendo novos servizos e ampliando os que hai actualmente, cun obxectivo claro para facer de Ourense unha cidade amigable para as persoas maiores”, dixo Jesús Vázquez, candidato do Partido Popular á alcaldía de Ourense.

O candidato popular defende con contundencia un programa electoral que presta especial atención aos aspectos sociais “porque aínda que se perciben elementos de recuperación económica, o certo é que aínda hai moito camiño por andar e temos que ter a sensibilidade necesaria para non esquecer esta realidade”.

Deste xeito, dende o Partido Popular establécese un compromiso para desenvolver un plan de actividades para os maiores tendente a procurar un envellecemento activo, mellorando e dinamizando os parques biosaudables e os “hortos urbanos” xunto co desenvolvemento dunha serie de programas orientados aos maiores tanto no eido cultural, como deportivo, de ocio ou de acceso ás novas tecnoloxías.

O programa do Partido Popular prevé a creación e potenciación de novos centros de día e a promoción de servizos que faciliten ás persoas maiores vivir no seu propio domicilio, mantendo un entorno social e familiar cotián. Tamén contempla programas de monitorización e teleasistencia para axuda no fogar.