Dos nove desaloxados, catro instaláronse en casas de amigos ou familiares, tres no Fogar do Transeúnte e dous en hoteis da cidade.

 

A concelleira de Benestar social, Marga Martín, confirmou este luns que o Concello de Ourense ofertou realoxo a todos os afectados polo incendio da “Casa do Pulpo”, nove persoas que non poden regresar ás súas vivendas que foron precintadas por motivos de seguridade.

A edil socialista explicou que “desde o minuto cero” os servizos municipais se puxeron a disposición dos veciños afectados ofrecéndolles realoxo “durante todo o tempo que sexa necesario”. Catro deles quedarán en casas de veciños ou familiares e ao resto foilles ofertado “en primeiro lugar o Fogar do Transeúnte; llo fumos ensinar e todos estaban encantados, tres desas persoas decidiron que si e dúas por problemas de horario entenderon que non podían ir e foron realoxados nun establecemento hoteleiro da nosa cidade”

Martín defendeuse das críticas da oposición, en particular do voceiro popular Rosendo Fernández, por ofertar como realoxo o Fogar do Transeúnte; “igual el pensa que está nas condicións que o deixou o PP en 2007, é o mellor de toda a comunidade, é un lugar digno”, afirmou a concelleira.

Valoración dos danos do lume
Segundo unha primeira valoración dos técnicos de departamento de Rehabilitación, do servizo de Bombeiros e da Policía Local, a zona máis afectada polo incendio é a inmediatamente superior á cociña na que se orixinou o sinistro e as escaleiras de acceso á vivenda situada no número 17 da rúa Juan de Austria.

Tanto o servizo de Policía como o de Bombeiros realizarán un informe que será trasladado ao departamento de Urbanismo, para que se adopten as medidas urxentes de seguridade necesarias para poder recuperar o acceso aos inmobles.

O lume producírase na tarde do sábado 2 de maio na cociña da tapería “Casa do Pulpo”, en pleno casco histórico ourensán. O incendio calcinou a cociña e o comedor do establecemento, e obrigou a desaloxar aos veciños do inmoble e dos colindantes, debido ao fume e ao mal estado no que quedaron algunhas estruturas.