O acto celebrado no Centro Cívico da rúa Colón contou ca presenza dun cento veciñas dos barrios e coas persoas que participaron na súa elaboración.

A candidatura cidadá Ourense en Común presentou este luns o seu Programa Participativo no Centro Cívico da rúa Colón co que aspira a gañar as vindeiras eleccións municipais de maio ao Concello de Ourense. Trátase dun proxecto de cidade elaborado de maneira participativa.  As medidas presentadas son o núcleo do compromiso de Ourense en Común ca veciñanza ourensá, e o programa está aberto a nutrirse continuamente de novas propostas durante a lexislatura.

A xuízo de Ourense en Común, Ourense é “unha cidade con recursos, cun tecido social e cultural e unha capacidade creativa excepcional. Pero tamén é unha cidade onde pola ineficacia dos últimos anos estase volvendo desigual e excluínte.” Nese sentido, citaron os datos do Instituto Galego de Estatística que sitúan a Ourense á cabeza das sete grandes cidades galegas en canto a porcentaxe máis alta de persoas en risco de pobreza e exclusión social co 23.4%, en total 25.006 persoas.

Para reverter esta situación, Ourense en Común presenta un programa pensado “a corto, medio e a longo prazo, ambicioso pero realizable”.

O primeiro bloque de propostas presentadas centrouse na institución local, sobre a que os candidatos destacaron que “hai que abrir portas e ventás para acadar que sexa unha administración transparente e siga a máxima de gobernar obedecendo”.

Para conseguilo presentaron propostas como a realización dunha auditoría das contas e contratos públicos, e a creación dun Observatorio Cidadán Anticorrupción, que sirva como espazo autónomo de fiscalización do propio Concello.

A candidata número 6, Mavi Calviño, destacou a “necesidade de reorganizar os servizos municipais de cara a aumentar a súa eficiencia e nivel de participación cidadá, a racionalización do gasto público para primar o gasto social, ou a remunicipalización paulatina de servizos públicos, previo estudo de viabilidade, para reducir o seu custo e aumentar a súa calidade”.

No segundo bloque, dedicado ás “medidas para garantir unha vida digna para Ourense”, manifestaron que “non falamos de caridade, trátase de contar cun sistema que garanta que ningunha persoa que pase por dificultades lle falte teito, alimento, auga potable ou subministro eléctrico”, sinalou Carlos Miguélez, número 5 da candidatura de OUeC.

Neste sentido, apuntaron a medidas coma a creación de emprego público e o soporte á economía social e o cooperativismo na área de coidados a persoas dependentes e do medio ambiente, a saúde e a educación, a creación dun Parque de vivendas para aluguer social, ou a unificación das diferentes axudas municipais de emerxencia e inclusión nun único Fondo de protección social mellor dotado e con mecanismos de resposta rápida.

Por último presentáronse as políticas propostas para acadar un desenvolvemento integral e sustentábel da cidade e o seu entorno, entre elas a aprobación do PXOM para “intervir na rehabilitación e artellamento da cidade, acomodándoa ás necesidades da cidadanía e á conservación do medio”, dixo Carlos Martell, número 11 da candidatura. A aposta por un transporte público eficiente e con ampla cobertura para limitar o tráfico rodado, ou o uso progresivo de enerxías renovábeis nas instalacións municipais.

Tamén sinalaron a necesidade de implementar plans de desenvolvemento nos diferentes sectores estratéxicos da cidade, “aqueles que poñen en valor os recursos endóxenos da nosa terra”, entre os cales destacáronse o sector agroalimentario, o forestal e o termalismo. Á recuperación de espazos e equipamentos en desuso ou infrautilizados “para cederllos a emprendedores, colectivos sociais e á mocidade, mudando estes en espazos de impulso ao desenvolvemento económico, social e cultural da nosa comunidade”.