Candidatura socialista en Sandiás

O PSdeG-PSOE de Sandiás vén de presentar a súa candidatura para estas eleccións municipais nas que concorre cun grupo de homes e mulleres «con capacidade de traballo, responsable e honesto».

Os sociailistas presentan neste municipio da Limia un programa de goberno do que din ten «fins e obxectivos claros, diversos e abertos que sirvan de motor de arranque do noso Concello».

A candidatura, que encabeza Juan Manuel Quintas Lorenzo, tacha de «pasividade» e «inmobilismo» a situación en Sandiás nos últimos 36 anos de gobernos municipais do PP, «beneficiando a uns poucos e prexudicando aos máis» e causando «unha sangría crónica de persoas e iniciativas, debuxando un futuro inmediato abocado a buscar o porvir fóra do noso Concello natal ou quedar para ir esmorecendo sen unha cobertura municipal que garanta o acceso aos dereitos que a todos nos asisten».

A formación considera que o municipio ten moitas potencialidades , posibilidades e ganas. «A nosa situación xeográfica, os recursos naturais e a dispoñibilidade das nosas xentes nos diferentes sectores económicos e estratos sociais, sitúannos diante dun futuro prometedor».

Por estes motivos, a candidatura do PSdeG_PSOE promte facer posible «un Concello por e para a xente de Sandiás».