Unha nova proposta de lecer para a mocidade esta fin de semana, nas terrazas exteriores do centro comercial Ponte Vella.

A Concellería de Xuventude de Ourense organiza a actividade “Ourense Zombie”, unha novidosa alternativa de lecer para a mocidade de Ourense esta fin de semana. Aproveitando o boom do mundo zombie tanto no cine, como na literatura ou os videoxogos, Ourense zombie proporcionará aos participantes a oportunidade de divertirse e experimentar unha experiencia en primeira persoa.

Con esta finalidade, deseñouse un labirinto no que mozos e mozas deberán afrontarse a diferentes situacións de tensión e medo, no que o sangue frío e a lóxica serán os mellores aliados para superar a proba.

O labirinto, duns 150 metros cadrados, está conformado por pasadizos de 1,2 m de ancho e 2,04 m de alto, e cuberto totalmente pola parte superior para deixar a escuras o entorno de xogo. Os participantes atoparanse zombies e situacións complicadas que terán que resolver para lograr saír, nun tempo máximo de 5 minutos.

Un dos pratos fortes do evento é a retransmisión en directo das situacións que vivirá cada xogador, posto que cando se adentren no labirinto levarán instalada unha GoPro (cámara en HD portátil) conectada en tempo real a unha pantalla aloxada na parte exterior da estrutura. Isto fará que cada aventura persoal de xogadores e xogadoras sexa desfrutada por todos os asistentes.

A actividade realizarase o venres 8, sábado 9 e o domingo 10 de maio nas terrazas exteriores do Centro Comercial Ponte Vella de 16:00 a 21:00 horas.

Coma actividades paralelas, o venres pola tarde realizarase a montaxe do labirinto con exhibición de graffiti, espectáculo e obradoiro de DJ a partir das 17:00 h. O sábado de 18:00 a 19:30 haberá tamén un obradoiro de graffiti para tod@s aqueles mozos e mozas maiores de 9 anos que queiran participar.