Acto do BNG fronte ao INEM

Os nacionalistas propoñen crear un Observatorio Local das Condicións Laborais, no que participarían organizacións sindicais e empresariais así como políticos.

 

A súa función sería inspeccionar as condicións laborais das actividades que conten con financiamento municipal ou que sexan obxecto de contratación pública do Concello, incluíddas as concesionarias de servizos municipais.

A candidata á alcaldía, Susana García, apuntou que “este Observatorio será o encargado de supervisar o cumprimento das cláusulas sociais coas que se garante o emprego estábel e en condicións dignas coa prohibición de subcontratacións a través de empresas de traballo temporal, limitación de horas extras ou subrogación do persoal”.

Afirmaba Noa Presa, candidata nº 2 do BNG-Asembleas Abertas, que a redución do paro que ocupa os titulares “obedece a emprego temporal que se debe, por unha banda, ao aumento das contratacións no sector servizos durante a Semana Santa e, por outra, á estratexia electoral polas obras que fan os concellos en época de eleccións ou contratacións de persoas perceptoras da RISGA que van ser contratadas durante 6 meses”. Sabemos que 40 destas persoas van deixar de figurar nas listas do desemprego para desenvolver actividades en diferentes servizos e instalacións municipais, indicaron os nacionalistas, que apuntan a que a maioría das contratacións son emprego temporal e a tempo parcial, «un parche e non unha solución real para paliar a grave situación que atravesan aínda 27.200 ourensás e ourensáns».

Cun acto reivindicato fronte á oficina do INEM, acompañadas de maletas, as candidatas do BNG quixeron simbolizar «a única saída que nos ofertan os gobernos do Partido Popular, a emigración». Fronte a esta, dende o BNG-Asembleas Abertas afirman que teñen «propostas reais para avanzarmos na creacion de emprego, cremos que debe ser unha prioridade nacional e por isto poremos os recursos necesarios dende o Concello de Ourense para paliar esta dramática situación».