Este xoves 7 de maio, ás 20:30 na Biblioteca Pública de Ourense.

Amigos da Terra, en colaboración co Cineclube Padre Feijoo e Som Energia Galiza, convida á estrea en Ourense de «OligopolyOFF: Empieza la revolución energética ciudadana» producido pola Plataforma por un Nuevo Modelo Energético. Máis de 90 cidades e municipios de todo o estado, acollerán a estrea de «OligopolyOFF», que continúa o labor do primeiro docureportaxe da plataforma: «Oligopoly2. El imperio eléctrico contra todxs», que foi estreado en máis de 40 pobos e cidades de España.

Preocupada polo tremendo aumento da pobreza enerxética no Estado español, as continuas subidas das facturas da luz e o gas e os recortes ás renovables, a Plataforma por un Nuevo Modelo Energético presenta neste documental unha mirada da situación da enerxía no Estado español e dunha política enerxética hoxe hipotecada baixo os intereses das empresas do oligopolio enerxético fósil.

«OligopolyOFF: Empieza la revolución energética ciudadana», presenta unha análise da realidade enerxética e as alternativas cidadás para un novo modelo democrático, cidadán e sustentable. Dirixido por Alba do Campo e financiado colectivamente por máis de 600 persoas, ten unha duración de 90 minutos e é froito de dous anos de traballo e máis de 100 horas de grabación. «OligopolyOFF» divídese en tres capítulos, nos que se viaxa desde o problema da pobreza enerxética, a través dos distintos conflitos que xera a actual política enerxética no territorio español, ata as alternativas cidadás que están a traballar por avanzar na necesaria transición renovable e na democratización da enerxía. Ambas van da mao.